Mons. Prieto presidiu a Eucaristía da Sagrada Familia

Na coruñesa Parroquia da Resurrección do Señor

Máis de trescentos cincuenta fieis arrouparon ao arcebispo compostelán na eucaristía pola festa da Sagrada Familia, que este ano, e por desexo de D. Francisco José Prieto, celebrouse nos amplos locais da parroquia da Resurrección, no barrio coruñés das Flores.

Na súa homilía, e en coherencia coas lecturas desta solemnidade, mons. Prieto destacou o papel fundamental da familia, o lugar no que “recibimos o don da vida e da fe”. Un agasallo polo que temos que darlle grazas a Deus. E salientou que todos somos parte da mesma familia xa que logo “somos fillos dun mesmo Pai e irmáns en Cristo”.

O arcebispo lembrou o papel fundamental que ten a familia. Rol que ratifican todas as enquisas sociolóxicas e que se evidenciou dun xeito patente durante a pandemia. A familia é, afirmou, “o espazo firme onde un se sinte acollido de xeito incondicional, onde sempre se nos agarda e onde non se nos poñen atrancos para chegar ou para marchar”.

Lembrando o lema deste ano, insistiu na idea de que “a familia é portadora de boas novas, mesmo malia a dura crise que afecta a moitas delas”. Por iso pediulle a todos os bautizados que “sexamos portadores a Boa Nova que é o Evanxeo de Xesús. Sexamos portadores dun Deus que quixo nacer entre nós e nunha familia”.

Exhortou asemade a que as familias se miren no exemplo da Familia de Nazaret, “onde Deus nos amosou o seu proxecto” para a Humanidade. E convidou a todos a que “miremos coa mirada acolledora e misericordiosa” de Deus.

Pediu coidar ás familias, que son “o vencello fundamental, o centro das nosas vidas”. E
lembrou que Deus móstrase sempre no cotián, como fixo ao medrar nunha familia.
Rematou a súa homilía salientando as tres palabras que tantas veces ten repetido o papa Francisco e que deben ser o eixo da convivencia nas familias: por favor, grazas e perdón. E concluiu: “apliquemos estas palabras na nosa vida cotiá e veremos como todo se simplifica e mellora”.

Nas ofrendas, presentáronselle ao Señor os fillos das familias, coa petición de que sexan membros ativos do corpo de Cristo.

© 2023 - Archidiócese de Santiago de Compostela