Taller P.F. PEJ 2022

Despois de catros días de intenso traballo, toca recoller, valorar e examinar o noso labor nos talleres de vocación nos que nos animaron a participar desde a organización da PEJ en Santiago de Compostela.

A contrarreloxo, co tempo xusto e sen pausa, pero… que grande experiencia! Foi enriquecedor e sorprendente poder estar en contacto con centenares de mozos e mozas que se amosaron dispostos, atentos e receptivos a falar de amor en parella, a deixarse “namorar” dun proxecto de vida plena, a ser conscientes de que deben de ser esixentes nunha elección tan importante para o crecemento persoal e da familia.

Falar de amor é ser ñoño, pouco realista e incluso utópico nos tempos de présa, superficialidades e insatsfaccións actuais. Se ademais é desde unha perspectiva cristiá, é estar tolo de remate. Pero bendita locura a que compartimos con esta mocidade…

A tolemia da vocación de entregarse ao outro; de formar un proxecto familiar e un plan de vida sen data de caducidade; de estar reescribindo unha e mil veces o guion soñado que temos na nosa cabeza e adaptalo ao proxecto que Deus quere para nós.

O matrimonio, a vida familiar, é unha vocación e un sacramento, un signo de amor e compromiso nun mundo ás veces frío e individualista, que nos leva a pecharnos nos nosos egoísmos en lugar de abrirnos aos demais e deixarnos interpelar pola realidade.

Este taller deunos a oportunidade de suxerir ideas e axudar a formular preguntas e inquedanzas. Agora ven o máis difícil: que quere Deus de min? como responder na vida diaria a Aquel que sempre me pide un poquiño máis? como encaixar o meu proxecto co de outra/outro e crear algo que vai máis alá de nós os dous?

Sabedes que estamos á vosa disposición para todas as dúbidas e comentarios que queirades facernos.

© 2021 - Archidiócese de Santiago de Compostela