O encontro foi presidido polo bispo auxiliar, mons. Francisco José Prieto
O encontro comezaba ao dez e media coa benvida ás familias asistentes, que chegaron desde todos os puntos da arquidiocese. No seu saúdo inicial, mons. Prieto resaltou o papel da familia na construción da sociedade e destacou a súa capacidade de acollida incondicional a todos os seus membros. O bispo auxiliar lembrou as difíciles circunstancias vividas durante os meses de pandemia, nos que a familia foi esa “Igrexa doméstica” da que falaba o Concilio Vaticano II. Tamén convidou a todos a implicarse no desenvolvemento da exhortación “Amoris Laetitia” en novos camiños pastorais.
A continuación, desenvolveuse un panel de experiencias con catro intervencións a cargo de persoas representativas doutras tantas realidades nas que a Igrexa tivo e ten un protagonismo claro durante a pandemia. Interviñeron, por esta orde, unha psicóloga, un párroco capelán nun hospital da Coruña, unha traballadora social de Cáritas e unha nai de familia. Cada un achegou as súas vivencias durante aqueles meses e a esperanza e o entusiasmo misioneiro coa que se enfrontan ao futuro inmediato. Foron todas elas, leccións sobre como pór en práctica a mensaxe da “Amoris Laetitia”.
Presentación do novo equipo
No encontro, ademais, procedeuse a presentar ao novo equipo de Pastoral Familiar e aos seus novos responsables, que presentaron os obxectivos dun curso que será tan apaixonado como intenso. Os delegados pediron a colaboración de todos os fieis que sexan ou sintan a vocación de ser axentes de Pastoral Familiar. O equipo de redes sociais presentou o novo logotipo da delegación, unha páxina web renovada e a entrada en Facebook.
Despois, os asistentes á xornada repartíronse en grupos de traballo para reflexionar sobre a realidade diocesana das familias e achegar ideas para reforzar esta pastoral, tendo en conta o proceso sinodal convocado polo papa Francisco.
Tras a comida e o tempo dedicado aos xogos familiares, o bispo auxiliar presidiu na Capela do Seminario Menor a Eucaristía coa que se clausurou o encontro. Monseñor Prieto agradeceu a asistencia á xornada e lembrou que Divos Pai acolle con misericordia e bondade até o máis pequeno xesto realizado con confianza na providencia. O canto da Misa correu a cargo dun coro integrado por nenos das parroquias de Santa Eulalia de Arealonga (Vilagarcía de Arousa), San Pedro de Cornazo e San Vicente de Os Groves (O Grove).