Finalizado o V Encontro Interdiocesán da Pastoral Familiar

Case oitenta axentes de pastoral familiar de toda Galicia déronse cita esta fin de semana en Santiago nas Quintas Xornadas Interdiocesanas de Formación. Este ano o tema elixido foi a familia como fonte de esperanza.

Abría os relatorios o sacerdote de Tui-Vigo, Ángel Carniceiro, que fixo unha lectura “práctica” da bula Spes non confundit, con citas da Sacra Escritura e testemuños concretos para exercitarnos na esperanza.

O director da Pastoral do Maior da diocese de Xetafe, Álvaro Medina, presentou o programa Rut de acompañamento a persoas maiores que viven unha soidade non desexada, sexa nos seus fogares ou en centros de maiores. A súa creatividade levoulle a organizar un movemento de voluntarios que garanten que estas persoas reciban polo menos unha visita á semana.

A realidade do cárcere e o seu impacto nas familias, en especial dos fillos, das persoas privadas de liberdade foi analizada polo profesor da Universidade de Salamanca Rodrigo Carcedo. Nun tema sobre o que apenas hai datos, Carcedo presentou un estudo realizado por el mesmo con outros colaboradores no que queda de manifesto o grave dano psicolóxico que sofren os fillos dos reclusos.

O non menos difícil e fronteirizo tema dos enfermos de alcoholismo foi abordado por unha representante da o-anon, que nos mostrou o camiño que han de emprender os familiares destas persoas para recuperar a auto estima e a autonomía.

Pechou as xornadas o domingo o matrimonio integrado por Ángela Rosa Romero e Leandro Rivero, que presentaron O programa Enredados, un proxecto que trata de acompañar a parellas novas non casadas sacramentalmente.

© 2023 - Archidiócesis de Santiago de Compostela