A Arquidiocese de Santiago celebra este domingo 17 de outubro a apertura do novo Sínodo de Bispos convocado polo Papa e que nesta ocasión reflexionará sobre a sinodalidade, un tema que, como explica o arcebispo de Santiago, mon. Julián Barrio Barrio, “é decisivo para a vida e a misión do Pobo de Deus”.

A apertura da fase diocesana do camiño terá lugar cunha Asemblea ás 17:00 h na igrexa de San Paio de Antealtares, seguida dunha Celebración Eucarística ás 19:30 h. na Catedral presidida polo noso arcebispo. Na asemblea de apertura presentarase a fase diocesana do Sínodo (o proceso, os obxectivos e a metodoloxía), que se desenvolverá dende outubro de 2021 a marzo de 2022 na nosa arquidiocese, tendo como base o Documento Preparatorio e o Vademécum (dispoñibles na web: https://www.synod.va/es.html).

O papa Francisco inauguraba o novo proceso sinodal a fin de semana do 9-10 de outubro en Roma baixo o título “Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación e misión”.